Thursday 16 de May de 2024

A actividade da Fundación Galicia Europa en 2022 centrarase na divulgación dos Fondos Europeos


― O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, reúnese co padroado da fundación para abordar a estratexia da entidade de cara ao próximo ano

― A FGE explicará as distintas fontes de financiamento e os obxectivos dos distintos fondos comunitarios previstos para executarse 2022

― A organización promoverá un plan de formación co obxectivo de acadar maior presenza de funcionarios galegos nas institucións comunitarias

― O Ano Europeo da Xuventude, a finalización da actual Conferencia sobre o Futuro de Europa ou a negociación da futura lexislación para reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro serán outros dos temas que tratará a FGE durante 2022

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, reuniuse hoxe co padroado da Fundación Galicia Europa (FGE) para abordar o plan de actuacións da entidade para o 2022. Un ano que, como remarcou o director xeral, suporá un reto para as administracións de cara a asegurar as sinerxías e a complementariedade dos fondos que serán executados ao longo do vindeiro exercicio orzamentario.

En concreto, no ano 2022 coincidirá a execución dos fondos estruturais e de investimento -FEDER, FSE, FEADER e FEMP- do período 2014-2020, a inxección extra que supón REACT-EU para facer fronte a curto prazo ás consecuencias da pandemia e o Mecanismo Europeo de Recuperación e Resiliencia (MRR), canalizado a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia de España.

Tamén será o ano no que se teñan que programar os máis de 34.000 millóns de euros que recibirá España da política de cohesión 2021-2027, dos que 3.150 millóns irán parar a Galicia, e o segundo ano de andadura dos novos programas de xestión centralizada como Horizonte Europa, no eido da I+D+i, ou Europa Dixital, no eido da dixitalización.

A este respecto, a Fundación Galicia Europa destinará gran parte da súa actividade a achegar claridade sobre as diferentes vías de financiamento existentes a través da publicación dunha nova Guía de Financiamento Comunitario para o período 2021-2027, a organización de novas edicións do curso de especialización en financiamento comunitario TecEuropa e a celebración dos encontros virtuais FGE | Next Generation Galicia, cos que a entidade reúne mensualmente a Xunta e as institucións europeas.

Con estas accións, a FGE pretende, por un lado, concienciar sobre os desafíos que supón a transición ecolóxica como eixo central da estratexia de crecemento da UE e, por outro, explicar as distintas fontes de financiamento que están dispoñibles para axudar á adaptación de Galicia a este complexo proceso de transformación.

Ademais, a FGE promoverá un plan de formación específico co gallo de aumentar a presenza de persoal funcionario galego nas institucións comunitarias, fundamentalmente na Comisión da Unión Europea.

2022, Ano Europeo da Xuventude

No marco da súa iniciativa EuroXuventude, a Fundación Galicia Europa fará difusión do Ano Europeo da Xuventude, que se poñerá en marcha baixo a Presidencia francesa da UE para apoiar á xente moza despois de dous anos de pandemia. Os mozos representan, ademais, un terzo dos paneis cidadáns que actualmente debaten sobre o futuro de Europa nun exercicio de democracia participativa que rematará en primavera e que dará como resultado unhas conclusións vinculantes para as institucións europeas sobre o funcionamento e as políticas comunitarias.

A FGE defenderá os intereses de Galicia, así como a revisión da Rede Transeuropea de Transporte, cuxa proposta foi publicada a semana pasada, e atenderá á negociación das máis de dez propostas lexislativas que están sobre a mesa para reducir nun 55% as emisións de gases contaminantes en 2030.

Fundación Galicia Europa

A Fundación Galicia Europa (FGE) é unha entidade instrumental do sector público autonómico, creada en 1988 co fin de promover todas as accións que propicien o achegamento entre Galicia e Europa. Participada por diversas entidades públicas e privadas galegas, está vinculada funcionalmente á Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE e conta con dúas oficinas, unha en Santiago de Compostela e outra en Bruxelas.